Como presidente da Xunta de Galicia, é unha honra para min saudar e felicitar aos socios do Centro Social Cultural y Deportivo de Bolos Valle Miñor con motivo do 60º aniversario da súa fundación. Sempre é grato comprobar que a través dunha asociación de emigrantes galegos se mantén viva a nosa cultura e a nosa lingua. Permitídeme tamén, a través desta revista conmemorativa, saudar a todos os galegos do Val Miñor que residen actualmente en Montevideo.
A través do amplo abano de actividades culturais e deportivas que se levan a cabo no voso centro social, cultural e deportivo, manténse vivo o vínculo entre os galegos de ambos lados do Atlántico e fomentase a cultura galega espallándoa por todas aquelas partes do mundo onde residen galegos emigrados de xeito que non perdan as súas raíces e a súa historia.
Desde o Goberno autonómico que teño a honra de presidir, estamos comprometidos coa potenciación da nosa cultura no exterior e coa defensa dos dereitos de todos os emigrantes galegos. Así, vimos de presentar o libro de Estratexia de Acción Exterior, o que será a nosa folla de ruta para reforzar a nosa presencia institucional no exterior e, por conseguinte, potenciar a atención á cidadanía galega, a promoción e dinamización económica e o desenvolvemento cultural e lingüístico.
Seguiremos traballando nesta dirección no que resta de lexislatura para cumprir o compromiso adquirido nas urnas cos nosos cidadáns. Todos os avances que se producen non redundan só nos galegos que viven na Comunidade Autónoma, senón en todos aqueles que tiveron que emigrar por atoparse nunha terra que daquela non lles podía ofrecer as oportunidades de desenvolvemento necesarias. Porque todos, os galegos de aquí e os que viven fóra de Galicia, contan por igual para o Goberno que presido.
Estou seguro que coa axuda de asociacións coma o Centro Social Cultural y Deportivo de Bolos Valle Miñor seguiremos espallando e conservando a nosa identidade en calquera parte do mundo e preservaremos eses vínculos que nos fan sentir preto a pesares dos quilómetros que nos separan.
Reitero a miña máis sincera noraboa a todos os asociados do Centro Social Cultural y Deportivo de Bolos Valle Miñor por estes sesenta anos. Estas celebracións son a mellor mostra do que todos unidos sodes capaces de facer. |